O Cuartel Sheridan de Augsburgo

O pasado sábado estivemos na moi senlleira cidade bávara de Augsburgo, porta de Suabia, visitando a unha amiga e facendo un pouco de turismo, non tanto como a última vez, da que xa falaramos.

O caso é que esta amiga vive nunha veciñanza ben curiosa. Non á primeira vista, na que só asemella o típico barrio residencial alemán: casas idénticas con cadanseu anaco de xardín, e neste caso, unha boa cantidade de ferrados de superficie verde para pracer de paseantes e veciños, en boa parte parellas novas con nenos. O seu nome é ben pouco xermánico: Sheridan Park, e agocha unha pequena historia.

Ese territorio estaba ocupado por unha base do exército norteamericano. Foi o exército dos USA o que liberou esta parte da Alemaña na Segunda Guerra Mundial, e decidiron establecer guarnicións nas principais cidades bávaras, sendo a augsburguesa unha das principais, chegando a acoller 17000 soldados americanos e ata 30000 cidadáns dese país contando cos civís, os Amis, como lles chamaban os alemáns enxebres (de “Amerikaner”). Non foi cousa de un día porque quedaron ata os anos 90, case cinco décadas, ata que cesou a Guerra Fría. Vivían arrodeados de murallas e medidas de seguridade, e era imposible entrar sen autorización do exército dos EEUU. Malia este illamento, a presencia estadounidense tivo unha grande influencia nestas cidades, dende a miserable postguerra ata a caída do muro e a reunificación.

Curioso que Augsburgo (e tamén a miña Regensburg) proveñan en orixe de outro acuartelamento imperialista… de moito atrás. Esta era a Augusta dos romanos, no limes ou lindeiro norte do Imperio.

(Fonte da foto que segue, amerika-in-augsburg.de)

Tal e como no resto das bases americanas en Alemaña (non se pode dicir o mesmo das do territorio español), o exército americano deu por cumprida a súa misión e marchou. Os terreos pasaron a mans do concello e construíronse as novas vivendas do devandito Sheridan Park. Sendo xustos, o que noutras cidades foi pasto da especulación e foi arrasado calquera rastro desta historia recente, en Augsburgo construiuse unha veciñanza cun bo número de espazos verdes e declaráronse Monumentos Protexidos moitos dos edificios erixidos polos americanos. Un exemplo é o da asociación cultural ABRAXAS.
Kulturhaus "Abraxas", ehemalige Reese-Kaserne Augsburg April 2012_006

Foto de Bernd do seu álbum de Flickr, detalles da licenza.

Ou este outro, con outros fins culturais e relixiosos.

Por desgraza, outros edificios non poden ser derruídos por mor desta protección monumental, pero non se lle atopou uso e xa levan unha década abandoados, e ameazan ruíña, como neste caso:

Antes deste establecemento dos americanos, houbo unha realidade ben máis terrible. Estaba acuartelado aquí o exército do III Reich nazi, e o campo de concentración de Dachau tiña unha “sucursal” neste terreo, onde un ou dous milleiros de condenados facían traballos forzados para a empresa armamentística Messerschmidt. Unha pequena lembranza é o nome do camiño que atravesa o parque, adicado a Mietek Pemper, o xudeu polaco que axudou a Schindler a escribir a súa famosa lista.

É moi curioso atopar que detrás deses edificios sen graza, anacrónicos dentro dun barrio residencial alemán, se agacha un anaco da historia recente de Alemaña. Con todas as súas chatas, está ben que se quixera relembrar eses tempos e se edificara un barrio vivible, e que estas evidencias históricas non foran devoradas pola implacable especulación do tixolo.

Case esquezo a banda sonora! Quen mellor ca un augsburgués, Andreas Bourani, aínda que as imaxes que amose o vídeo pertenzan a Berlín.

ANDREAS BOURANI – Auf Uns from Kim Frank on Vimeo.

Advertisements