De volta en Passau

Passau, Panorama (IV)

Onte estiven na cidade de Passau, na Baixa Baviera. Os máis antigos seguidores do meu blog (e da miña estraña traxectoria vital) saben que sempre falo dos lugares que visito (Múnic, Berlín, Augsburgo, Hamburgo, calquera Burgo…) pero que Passau é algo máis. É a primeira cidade na que vivín en Alemaña, e alí transcorreron os primeiros meses desta miña emigración nun país de fala allea. Todo era inhóspito, incomprensíbel, e tamén excitante. Onde comecei aprender alemán e coñecer e adaptarme a esta cultura. Despois deste periodo mudeime a Regensburg por traballo mais as visitas á antiga Batavia seguiron a ser frecuentes. Mais logo interrompéronse por circunstancias vitais e non pisei a cidade nos últimos catro ou cinco anos, ata onte. Primeiro fora turista, logo emigrante, e onte… turista outra vez. Xa non me queda ninguén nese sitio, tan só lembranzas, moi fermosas na súa meirande parte.
Biergarten
Pero como hai moitos novos por aquí, fágovos unha visita de balde. Para lercheos, as anotacións sobre/en/contra/baixo/cabe Passau deste blog: Passaundo de todo.

Passau é unha pequena cidade ou vila grande (o que vós queirades, anda polos 50.000 habitantes) do Sureste de Baviera e Alemaña, na fronteira con Austria. Na Baviera hai moitas cidades bonitas, pero Passau é ben orixinal entre elas. A arquitectura é máis mediterránea e menos xermánica e a zona vella está magníficamente conservada. É a “Cidade dos Tres Ríos”, posto que a Cidade Vella (Altstadt) é unha lingua de terra entre dous grandes ríos, o Danubio e o seu afluínte Inn, que nace en Suíza e atravesa Austria.

Passau, Panorama (I)

O final da península fluvial da Altstadt, no pico do Ortspitze conflúen as augas verdosas do Inn nas escuras do grande Danubio, que non fixo senón comezar a súa viaxe, abandonando Alemaña en busca de Viena, Budapest e o Mar Negro. Na vindeira imaxe aprézase ben esta mistura.

Ortspitze: Donau & Inn

Falei da Cidade dos Tres Ríos, e quédame un terceiro, o pequeno río Ilz, que nace na Fraga Bávara e morre tamén no seo do Danubio en Passau, preto do Ortspitze. Delimita o barrio do Ilz ou Ilzstadt, do que falei hai anos. Na vindeira foto está a súa embocadura, coas fortalezas defensivas de Niederhaus (abaixo á esquerda) e a grande Veste Oberhaus (encol do monte), á que teredes que subir para desfrutar dunhas vistas magníficas da cidade.

Ilzstadt, Veste Nieder- und Oberhaus

Gasse

Ríos aparte, Passau é unha cidade monumental que ben merece unha visita dun día completo. Ten unha fermosa (máis por dentro ca por fóra) catedral barroca, ruelas feiticeiras, pazos, castelos, igrexas e ermidas, e nos seus arredores, roteiros de sendeirismo e cicloturismo. No social, e dío un que viviu alí, o pobo bávaro é bastante pechado (aínda que non hostil), pero Passau compénsao cun ambiente moi novo e foráneo, xa que é cidade universitaria. Non che era mal sitio para establecerse un tempo, pero fóra do turismo, hostalería e a Universidade non ten sectores económicos moi activos e tiven que facer a maleta cara non moi lonxe, Regensburg. Dígoo con algo de morriña, pero sen excesos. Como dicían Los Luthiers, calquera tempo pasado foi anterior.

A panadería de Ratzinger

Aquí, o choio que atopou o emérito e xubilado papa bávaro Josef Ratzinger: unha panadería. Fóra chanzas, teño mercado aí e fan un pan artesán boísimo, á parte de darme dunha boa ensinanza sobre esta cultura e os seus horarios. Funlles por pan un sábado ás once da mañá, saíndo con moitos esforzos do leito. O establecemento abre ás seis da mañá e pecha ás doce do mediodía, non abre polas tardes nin os domingos. A boa señora amosoume o pouco pan que lle quedaba e eu tentei escoller un. A panadeira excusouse amable, sinalando o reloxo: “… é que XA son as once!”.

Para rematar, unha imaxe do barrio do Inn, o Innstadt, separado da Altstadt por ese río. Enriba vedes á igrexa de Mariahilf, ermida de peregrinaxe para comodóns: a ascensión non é grande cousa pero puxéronlle paredes e teito ó camiño. E abaixo á dereita, veredes unha casa vermella, da que vos falei ben no meu libro Podería falar de nubes. En efecto, non é outra que A Casa Vermella,  de infausta historia.
Innstadt

Post itComo despedida, un post-it (si, unha nota desas que se pegan) que atopei na rúa, para rematar con algo de amor. Di “Sabes que quero eu para sempre? Nós”. Poesía na tubería. Tedes máis fotos no meu álbum do Flickr.

O Cuartel Sheridan de Augsburgo

O pasado sábado estivemos na moi senlleira cidade bávara de Augsburgo, porta de Suabia, visitando a unha amiga e facendo un pouco de turismo, non tanto como a última vez, da que xa falaramos.

O caso é que esta amiga vive nunha veciñanza ben curiosa. Non á primeira vista, na que só asemella o típico barrio residencial alemán: casas idénticas con cadanseu anaco de xardín, e neste caso, unha boa cantidade de ferrados de superficie verde para pracer de paseantes e veciños, en boa parte parellas novas con nenos. O seu nome é ben pouco xermánico: Sheridan Park, e agocha unha pequena historia.

Ese territorio estaba ocupado por unha base do exército norteamericano. Foi o exército dos USA o que liberou esta parte da Alemaña na Segunda Guerra Mundial, e decidiron establecer guarnicións nas principais cidades bávaras, sendo a augsburguesa unha das principais, chegando a acoller 17000 soldados americanos e ata 30000 cidadáns dese país contando cos civís, os Amis, como lles chamaban os alemáns enxebres (de “Amerikaner”). Non foi cousa de un día porque quedaron ata os anos 90, case cinco décadas, ata que cesou a Guerra Fría. Vivían arrodeados de murallas e medidas de seguridade, e era imposible entrar sen autorización do exército dos EEUU. Malia este illamento, a presencia estadounidense tivo unha grande influencia nestas cidades, dende a miserable postguerra ata a caída do muro e a reunificación.

Curioso que Augsburgo (e tamén a miña Regensburg) proveñan en orixe de outro acuartelamento imperialista… de moito atrás. Esta era a Augusta dos romanos, no limes ou lindeiro norte do Imperio.

(Fonte da foto que segue, amerika-in-augsburg.de)

Tal e como no resto das bases americanas en Alemaña (non se pode dicir o mesmo das do territorio español), o exército americano deu por cumprida a súa misión e marchou. Os terreos pasaron a mans do concello e construíronse as novas vivendas do devandito Sheridan Park. Sendo xustos, o que noutras cidades foi pasto da especulación e foi arrasado calquera rastro desta historia recente, en Augsburgo construiuse unha veciñanza cun bo número de espazos verdes e declaráronse Monumentos Protexidos moitos dos edificios erixidos polos americanos. Un exemplo é o da asociación cultural ABRAXAS.
Kulturhaus "Abraxas", ehemalige Reese-Kaserne Augsburg April 2012_006

Foto de Bernd do seu álbum de Flickr, detalles da licenza.

Ou este outro, con outros fins culturais e relixiosos.

Por desgraza, outros edificios non poden ser derruídos por mor desta protección monumental, pero non se lle atopou uso e xa levan unha década abandoados, e ameazan ruíña, como neste caso:

Antes deste establecemento dos americanos, houbo unha realidade ben máis terrible. Estaba acuartelado aquí o exército do III Reich nazi, e o campo de concentración de Dachau tiña unha “sucursal” neste terreo, onde un ou dous milleiros de condenados facían traballos forzados para a empresa armamentística Messerschmidt. Unha pequena lembranza é o nome do camiño que atravesa o parque, adicado a Mietek Pemper, o xudeu polaco que axudou a Schindler a escribir a súa famosa lista.

É moi curioso atopar que detrás deses edificios sen graza, anacrónicos dentro dun barrio residencial alemán, se agacha un anaco da historia recente de Alemaña. Con todas as súas chatas, está ben que se quixera relembrar eses tempos e se edificara un barrio vivible, e que estas evidencias históricas non foran devoradas pola implacable especulación do tixolo.

Case esquezo a banda sonora! Quen mellor ca un augsburgués, Andreas Bourani, aínda que as imaxes que amose o vídeo pertenzan a Berlín.

ANDREAS BOURANI – Auf Uns from Kim Frank on Vimeo.