Votar no estranxeiro, esa xolda

https://www.flickr.com/photos/deningures/6077535444/player/

Emigrar e vivir no estranxeiro trae problemas, xa o sabiamos todos. Pero votar no teu país non debería ser un deles.

Primeiro, e isto é unha opinión personal: hai que votar. E dío alguén ó que non lle convencen ó cento por cento ningunha das opcións electorais. Nin ó setenta e cinco por cento. Pero non creo o de “todos (os políticos) son iguais”. Non é certo. Algúns non nos serven, porque serven a outros, e son corruptos, incompetentes, inoperantes, preguiceiros, soberbios. Outros, cos seus fallos e erros, non o son. Escollede a opción menos mala, e o Monstro Voador de Espagueti me libre de dicirvos a quen tedes que votar. Pero gustaríame que se rachara o bipartidismo, beneficiado pola abstención, que de seguro será brutal o vindeiro domingo. Razóns: o desencanto coa Europa dos mercaderes, a da Troika e dos burócratas, a falta de transparencia no funcionamento da UE, a decepción e sobre todo, o anoxo (e noxo) da poboación con toda a clase política deste país. E por riba hai furbo… En fin, que si, que vale, que non todo debería reducirse a votar cada catro anos. Se a cidadanía ten poucas posibilidades de intervir nas políticas que lle afectan, loitemos por máis, por suposto. Mais non ignoremos as poucas que temos. Pero facede o que vos pete, eh. Votar é un dereito, non votar tamén. Só discuto a utilidade desta última opción.

Entramos no do voto emigrante. Deberiamos ter dereito a votar nun país no que xa non residimos? Non falta quen o negue, quen di que se un non reside non ten dereito a decidir sobre as políticas que si afectan ós residentes. Quen di isto imaxina pás de votos para o PP carrexados por métodos escuros desde as Américas, e houbo moito de verdade neste feito. Mortos votando e garantías que se esixían só de fronteiras para dentro. Esa fraude rematou co do “voto rogado”, xa entraremos nisto. Outro argumento que tampouco falta é que “os emigrantes venden o seu voto por unha laconada no Centro Galego”. Esta lenda ten que ver que o voto emigrante é para o PP. Falso. A tendencia de voto é semellante para os galegos residentes en Galicia ou no estranxeiro, axudado pola baixada da media de idade do votante, tanto pola nova emigración, en xeral moza e disconforme co sistema (madia leva! Tiveron que marchar por motivos económicos), como pola aparición de votantes galegos de segunda e terceira xeración, nacidos no estranxeiro, de tendencia política moi diferente ós seus pais. E moitos, moitos residentes si se deixaron vender por laconadas e clientelismos. É o que hai. A min tampouco me gusta, pero non deixa de ser verdade.

Aínda non rebatín o argumento “se resides, decides, e se non, fó***te”. Primeiro, nas eleccións locais xa non votamos, e non protestarei contra iso. Segundo, negar o voto a toda esa poboación que xa non reside en Galiza é negarlle a súa galeguidade, a pertenza á comunidade. Queremos axudar a decidir o futuro da nosa terra, xa que o presente está tan fodido que tivemos que facer a maleta. Queremos ter unha terra á que volver, ou polo menos para que volvan os nosos fillos, ou para que non amolen ós nosos achegados que nos quedaron alí. Estragar ese capital humano e deixalo fóra da sociedade sería un erro irreversible.

Estádesme a dicir que os emigrantes da miña xeración non están implicados na actualidade do país? Hoxe en día, con internet? E os que quedaron, si o están, no cento por cento dos casos? Como se mide iso?

Agora entramos no do voto rogado. En vista de que era un desfase e a fraude agromaba, liquidouse o sistema electoral anterior para os residentes no estranxeiro, e agora o voto hai que “pregalo”, hai que solicitalo. Non de xeonllos, pero case que podes rezar para que todo funcione. Primeiro tes que estar no Censo de Residentes no Estranxeiro (CERA), pero se emigraches despois do 31 de Xaneiro, abur iogur, porque só é para os inscritos nese censo con anterioridade a esa data, ou disque, ou seica, porque nin hai información nin hai a quen lle preguntar. Claro, sacan unhas listas e pendúranas no taboleiro do consulado que queda a 200 km do teu lugar de residencia. Poden ser menos quilómetros, sobre todo se vives en Múnic, Fráncfort ou Berlín, pero non todos temos esa sorte.

Supoñamos que o do censo non é un atranco. Chégache a documentación para SOLICITAR o voto. Por experiencia, a nós chegounos seis días antes de que rematar o prazo, o 26 de Abril, e vivimos nunha cidade de Alemaña, non quero pensar nos que residen noutro continente con servizos de correos máis deficientes. Pois con ese papeleo, se te aclaras, solicitas o voto. É un dereito teu, pero tes que pregar por el. Agora, agardar.

(Fonte desta imaxe e da anterior, da páxina de Marea Granate, premendo na imaxe)

Pois se tes sorte e as fadas da democracia axudan, chegarache a documentación para votar, esta si, de verdade. As papeletas de todos os partidos, TODOS, as Falanxes todas (hai varias, meus!), os animalistas, o partido das enfermedades raras e os de Podemos co careto do Pablo Iglesias no logo (non, este non). Todas. E dúas copias dunha certificación de nonseiqué de que xa estás no censo, o que pensei que xa estaba claro cando che mandan todo iso (por segunda vez). Tamén tes que adxuntar unha copia do DNI, e o sobre grande vén cun sobre máis pequeno (para a Xunta Electoral, creo) e logo o sobre de votar, no que van as papeletas. Tamén o das instruccións. Todo isto anima e incita a exercer o noso dereito democrático, non?

Toda esta movida podes presentala no consulado e votar en urna, para isto me abriu o Consulado de Múnic entre o 21 e o 23 de Maio, tres días laborais nos que non me é posible facerme case dúas horas de tren, votar e outras dúas para regresar. Descartado. Terei que enviar o voto. Debo aclararme con tanto papel e sobre (teño unha motivación a proba de bombas, ou sexa, que son moi testalán) e envialo todo por correo. Prazo: o martes 20 de Maio. Considerando que a cousa chegou o venres non puiden mandalo ata o luns 19. Envieino e votei. Votei? Seguro? Non, seguro non estou. Non terei confirmación de que o voto chegou ó consulado e que aí se tramitou correctamente. Só me queda ser optimista. E rosmar. Para iso a xente escribe blogs.

A miña compañeira pasou exactamente as mesmas ca min, coa diferencia de que o segundo envío (as papeletas para votar e o resto da mandanga) non deu chegado. Por que? Non sabemos. Suponse que o seu rexistro no censo está en orde, porque o primeiro envío (o solicitamento de voto) si que lle chegou correctamente, e enviámolo á vez. E cousas así lles pasan a milleiros de emigrantes. Quédalle reclamar. Ou facer un blog. O que queira menos exercer o seu dereito a votar.

Fallos á marxe, é un sistema dificultoso, inxusto, discriminatorio e bastante absurdo. Teñen que funcionar os envíos dúas veces nas dúas direccións, dentro de prazos demasiado estrictos (polo visto, máis estrictos para o votante que para a propia Administración) e pouco realistas. Pero o drama non está nos votos que este sistema extravía, anula ou esnaquiza, senón nos que disuade. O voto CERA caeu un 95 % nas últimas eleccións, e se ben hai que celebrar que os defuntos descansen en paz e xa non voten, eu aquí vexo o problema nos emigrantes vivos, que son persuadidos pouco sutilmente de non meterse nesta lea e, sinxelamente, non votar. A min moi democrático non me parece. Tamén fomentan este pasotismo no electorado de dentro das fronteiras, pero fóra delas é moi efectivo.

Ten que haber unha solución, entre o dos votantes zombis e os heroes contra a burocracia e correos. Apuntan os da Marea Granate o da Circunscripción Única de Residentes no Estranxeiro. Paréceme unha idea centralista que só me serviría para as europeas e que me excluiría da cidadanía galega para englobarme nunha especie de limbo de emigrantes. Non sei que se faría nas autonómicas, pero non se podería votar en clave da provincia ou autonomía da que es orixinario. Eu quero votar como galego, non como “integrante da provincia tal” nin como emigrante. Mais haberá outros emigrantes con outra sensibilidade. Outra é o voto electrónico. Coa tecnoloxía actual poderíase votar con garantías legais sen facer esta gimkana imposible de papeis e prazos imposibles. Podería usarse ese marabilloso DNI electrónico que nos “implementaron” e que é tan útil para tantísimas cousas. Si, esa foi con retranca.

En fin, non sei a solución, recoñézoo, pero haberá que buscala e esixila. A consolación é que a Lei Electoral en España, en xeral, para residentes ou non, é inxusta e sempre favorece os mesmos. Agora que o penso, isto non é consolación ningunha. É unha vergoña.

Remítome ó segundo parágrafo: por difícil que volo poña, ide votar. Se es emigrante non, tarde piaches, pero se andas por aí pásate polo colexio electoral e axuda cambiar todo isto, que xa vai sendo hora. Que ata aquí chega o cheiro.

https://www.flickr.com/photos/deningures/11911467063/player/

Advertisements