Escribir noutra lingua

Un interesante tema é a identificación dos escritores coa súa lingua. Pessoa teimaba en que “a minha pátria é a língua portuguesa”, máis que a propia terra, os seus gobernantes e os seus cantos rexionais. Mario Levi está de acordo, tamén Juan Gelman. Juan Marsé matiza: a patria é a linguaxe. E todo o atopei cunha única busca de Google.

O que ninguén dubida é que poucos como os escritores para sentirse identificados coa súa lingua, porque non só a senten, senón que traballan con ela, loitan contra ela. Canto máis os que escollemos o galego para expresarnos por escrito,  tendo a favor a identidade, a honestidade e o espírito, e tendo en contra… todo o demais.

John Banville, escritor irlandés que ata hoxe descoñecía, opina que os seus paisáns son os mellores escritores en lingua inglesa. Porque o inglés lles é unha lingua coñecida pero allea, estranxeira, tanto ten que a mamaran desde pequenos e que non saiban gaélico. “Non nos sentimos cómodos, miramos a linguaxe dende fóra“. Será un consolo cando os escritores galegos abandonen a lingua propia de Galicia: vano petar en castelán.

Kristóf Ágota 1954 Tablókép Ando a cismar, e con non pouca admiración, nos escritores que por circunstancias diversas deron en escribir nunha lingua allea, estranxeira, aprendida. Eu pelexo todos os días cunha lingua estranxeira e podo dar fe que unha cousa é desenvolver unha competencia para comunicarse, traballar e mesmo ler, e outra moi distinta crear unha lingua literaria nese idioma aprendido. Penso en Nabokov, que abandonou a súa lingua rusa para escribir Lolita en inglés, xa exiliado nos Estados Unidos. Anos despois, cando traduciu a novela á súa lingua natal aparecéronselle tantos matices que case a ten que reescribir de novo. Máis exiliados da Europa do Este: Milan Kundera abandonou o checo para demudar nun escritor francés, tanto lle tivo que caera o telón de aceiro. Agota Kristof, húngara exiliada en Suíza, tivo que adoptar o francés, e esta disociación, disfuncionalidade, impregna a súa obra Onte, traducida ó galego. Pero Cortázar non abandonou o español nas súas décadas de exilio en París, aínda que iso foi se cadra porque acadou o xeito de vender e promocionar a súa obra igualmente. Seguramente estes escritores alleados noutra lingua adoptaron un estilo máis sinxelo e directo, menos proclive a erros e máis áxil. Sen desprezar a súa habelencia para escribir nunha lingua allea. Como xa dixen, a miña admiración.

Tamén a ten Vladimir Kaminer, que malia xogar noutra liga literaria diferente ós anteriores, mérito non lle falta. Kaminer é un ruso de orixe xudía que deixou a URSS para pedir asilo na República Democrática Alemana… e pouco despois deixaron de existir tanto a URSS e a RDA. E renaceu o Berlín onde vivía, sen muros que a dividisen. E deu en escribir todo o que lle ía pasando, cun estilo tamén moi directo e retranqueiro, nacido da propia experiencia. Hoxe é dos autores mellor vendidos en Alemaña, dende o seu primeiro Russendisko (A discoteca rusa, tamén traducida ao galego). Todo vén a conto porque Vladimir escolleu escribir os seus textos non no seu querido idioma ruso, senón no alemán que mal aprendeu cando chegou á RDA.

Wladimir Kaminer 2008 (3713591562)

Fonte desta imaxe e da anterior, premendo nas mesmas (Wikipedia) By Juerg Vollmer from Zürich, Schweiz [CC-BY-SA-2.0], via Wikimedia Commons

Na Alemaña existe ata o premio Adelbert von Chamisso para a mellor obra editada e escrita en alemán por un escritor que ten outra lingua materna. O tal Adelbert é un clásico das letras xermanas do XIX e tiña como lingua propia… o francés. A Alemaña actual é un país de inmigración e non faltan escritores que reflexan a dualidade de culturas: a da Alemaña onde viven e a do país de orixe dos seus pais, as súas raigames. Pero non deixan de ser naturais en lingua alemana, coa sorte de ter outra cultura. Porque iso tamén o abandonamos os emigrantes: a nosa lingua, e as oportunidades de falala. E de escribila.
Katja PetrowskajaMáis exemplos, tamén novos para min: a ucraína Katja Petrowskaja, establecida en Berlín dende o 99 cando tiña xa 29 anos, gañou no 2013 non o Adelbert, senón o prestixioso premio literario alemán Ingeborg Bachmann. Katja é xornalista e adoptou tamén como lingua de escrita o alemán.

“A lingua alemana foi unha liberación. (…) Falo ben alemán, pero escribir é outra cousa. Eu chámolle “a miña loita”, unha loita con esta lingua. Pero esta dificultade implica certa calidade. (…) O meu desexo é escribir textos moi diferentes nas dúas linguas, pero non sei que sairá de aí. Algúns textos do meu libro están en ruso e outros quedaron entre os dous idiomas. Son un delirio entre dúas linguas. Sentino así: perturbada e disfuncional, así é a miña voz.” (Da entrevista no Die Welt, 08.07.13.)

Foto da Wikipedia, detalles premendo na imaxe. By Amrei-Marie (Own work) [CC-BY-SA-3.0], via Wikimedia Commons

Penso en min, porque os escritores somos uns chaíñas pretenciosos que só pensan en si mesmos. Nunca me sentín cómodo escribindo na miña “outra” lingua materna, o castelán, coa que me criei e que falei habitualmente ata a mocidade. Mesmo escribía en galego cando aínda falaba en castelán. E falo de unha lingua na que non teño problemas de competencia, só de identificación. A miña lingua é o galego, e dígoo sen xenreiras.

Estiven anotado en talleres e cursos literarios, tan só para experimentar o que é escribir en alemán. O problema dos meus compañeiros  é atopar o seu ego literario. O meu é escribir menos de dezasete fallos ortográficos e gramaticais cada tres liñas. Se cadra botaba iso de menos: escribir con nula esixencia e presión, o reto é outro. E foi liberador, e estou coñecendo xente estupenda. Non vou abandonar a escrita en galego polo alemán, non me sinto capacitado nin o vexo oportuno. Pero é un reto divertido. E escribir é un xogo. Non o digo eu, díxoo Cortázar.

O caso é que os do Curso de Escritura que leva con boa man o autor bávaro Rolf Stemmle organizamos unha lectura de textos nosos o día de onte, mércores 14 de Maio. Eu preparei coidadosamente unha traducción simplificada (con vistas a lela “en alto”) do meu relato A señora Mauer, que publiquei hai semanas en Palavra Comum (aquí tedes a versión orixinal en galego). Un complot entre as musas, reticentes ós meus experimentos con linguas xermánicas, e certos virus que pululan por aí, deixáronme tremendo no sofá con cefalea, febre e escarallamento xeral, perdéndome a lectura. Como non quero que tanto traballo quede en nada, publícoo aquí e abro un apartado para textos meus en alemán, xa que este relato é grande de máis para poñelo nunha postaxe normal de blog. Se a vontade e o tempo mo permiten, mirarei de ir subindo máis textos en alemán. Por suposto, terá de certo unha boa cantidade de erros lingüísticos, os que dominedes mellor esta lingua saberedes perdoar…

Pero non vos preocupedes. A miña patria seguirá a ser a lingua galega.

Texte von mir auf Deutsch 

Banda sonora: aquí Russkaja intercala nos coros frases en alemán sobre un texto en ruso. Que mellor remate para este artigo. E se non entendes ningún dos dous idiomas, xa sabes o que hai que facer: bailar!

Advertisements